08 Nov A FECYT financia seis proxectos de divulgación científica e ciencia cidadá da UVigo
A investigación relacionada coa auga, tanto no eido mariño como termal, é a temática principal
Seis proxectos da Universidade de Vigo para fomentar o coñecemento científico entre a sociedade e incentivar as actividades de ciencia cidadá acaban de obter o recoñecemento da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología. Estas seis propostas, que recibirán un financiamento de máis de 110.000 euros, foron seleccionadas no marco da convocatoria para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, que ten como finalidade conseguir o achegamento dos resultados científicos á cidadanía e mellorar a educación científico–técnica da sociedade en todos os niveis.
Cinco destas propostas están impulsadas por centros ou grupos de investigación da UVigo, mentres que noutra delas a institución é socio colaborador. A auga aparece como fío condutor de case todas elas, ben dende o punto de vista da investigación mariña e ambiental, ben dende o eido termal, con proxectos sobre a monitoraxe da costa, a creación dun videoxogo sobre o impacto do cambio climático nos océanos ou a divulgación da ciencia mariña desenvolvida por mulleres, pasando pola posta en valor do patrimonio termal de Galicia.
Sentinelas da costa
O proxecto que acadou maior orzamento, 35.000 euros, é Sentinelas da costa, unha proposta que se enmarca dentro dun proxecto xa en marcha, CoastSnap, que pretende monitorizar as praias e a dinámica costeira obtendo datos a través das fotografías que envían os visitantes dos areeiros. A iniciativa xurdiu en Australia en 2017 e en Galicia está sendo coordinada pola investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM-UVigo) Rita González Villanueva, coa finalidade de caracterizar a variabilidade espazo-temporal dos sistemas costeiros a nivel estatal e local involucrando á cidadanía na actividade científica, e promovendo a súa contribución activa na compilación de información que poida ser utilizada en pro da sociedade. Trátase de aproveitar “a realidade actual na que vivimos, un mundo permanentemente conectado, no que calquera cidadán dispón dun dispositivo móbil que lle permite capturar calquera aspecto da contorna que o rodea”. Grazas a esta achega, os investigadores da UVigo poderán instalar máis puntos de monitoraxe nas praias e mellorar os xa existentes en areais de Bueu, as Cíes, O Grove ou Muros, así como lanzar un concurso entre os usuarios, difundir os resultados do proxecto e desenvolver obradoiros formativos.
Misión azul
Outro dos proxectos seleccionados nesta convocatoria é Misión Azul. A investigación mariña e o cambio climático, unha proposta impulsada polo Centro de Investigación Mariña, que ten como obxectivo “mellorar a educación científica e tecnolóxica entre os escolares, os profesores e a sociedade en xeral, fomentando as vocacións científicas STEM, especialmente entre as nenas”. Con esta iniciativa tamén se conmemora o inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030. En concreto, Misión Azul baséase no desenvolvemento e adaptación de contidos científicos e a elaboración dun videoxogo interactivo de alta calidade que aborde a realidade do impacto que o cambio climático ten nos océanos. Os usuarios poderán interactuar cun ecosistema mariño protexido e modificar as variables ambientais afectadas, experimentando interactivamente os seus efectos sobre o medio.
Desafíos do océano: científicas ao mando
Tamén relacionado coa contorna mariña, esta convocatoria financiará con 18.000 euros o proxecto Desafíos do océano: científicas ao mando, unha proposta do Campus do Mar para crear unha miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración para dar a coñecer a investigación que desenvolven mulleres científicas das institucións que pertencen ao campus de excelencia internacional. As protagonistas das pezas serán Celia Olabarría, Lucía Viñas, Marta Álvarez, Ana Bernabeu, Silvia Torres e Carmen González Sotelo, que abordarán temas accesibles pero de especial relevancia como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca. O proxecto tamén comprende a celebración dun concurso para alumnado de 1º de Bacharelato da rama científica de toda España, na procura de 12 mozos e mozas que poderán gozar dunha estadía de dous días cunha das científicas protagonistas da miniserie. A finalidade é que se involucren no día a día do traballo de investigación científica mariña e participen, de forma activa, no capítulo da miniserie, establecendo un diálogo entre as científicas e o alumnado participante.
Divulga-AQUIS
Tamén relacionado coa auga, desta volta a termal, o proxecto divulga-AQUIS pretende afondar na importancia cultural e científica dun recurso natural de vital importancia. Coordinado pola profesora María Luisa Rúa, do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, aspira a “alimentar o orgullo polo medio natural máis próximo, a súa historia e o valor da súa conservación, así como incidir na universalidade da curiosidade humana como motor para afondar nos fenómenos naturais complexos”. As actividades realizaranse en colaboración co IES Aquis Querquernis, de Bande, cuxos estudantes traballarán na elaboración de material didáctico sobre catros eixos temáticos: a vida en condicións extremas, a biotecnoloxía para unha industria sostible, o medio ambiente e a influencia das fontes termais na pegada do Imperio Romano. Os resultados, en formato de fichas didácticas, paneis expositivos, vídeos, webs, etc. presentaranse tanto á poboación da comarca como ante un público científico especializado. Este proxecto recibe da FECYT 2175 euros.
Microrreservas de praia
Aínda que coordinado pola empresa Hydrosphere, a Universidade de Vigo tamén participa no proxecto Microrreservas de praia: a concienciación social como elemento clave na recuperación de areais, un proxecto piloto que se vai desenvolver no concello de Nigrán. Cunha subvención da FECYT de 10.000 euros, esta iniciativa trata de poñer en valor o patrimonio natural de praias que actualmente están orientadas ao ocio, achegando o coñecemento científico á cidadanía e facéndoa partícipe da súa conservación e renaturalización. Para conseguilo, porase en marcha unha campaña de participación pública e concienciación social innovadora, baseada na creación de microrreservas en praia América, coas que se pretende restrinxir a intervención humana e evitar o impacto causado por actividades como as pisadas continuas ou os labores de limpeza. A finalidade é manter estas zonas libres de alteracións e favorecer unha renaturalización progresiva, para o seu uso como aulas vivas de educación ambiental, onde impartir talleres didácticos para todos os públicos.
Ciencia de ida e volta
Finalmente, esta convocatoria da FECYT tamén financia con 18.000 euros a proposta presentada pola Unidade de Cultura Científica da UVigo titulada Ciencia de ida e volta, que ten como finalidade incrementar a cultura científica da contorna e conseguir que a cidadanía sexa máis consciente de “ata que punto convivimos a diario coa ciencia e a tecnoloxía e como afecta á nosa vida para convertelos en socios e cómplices da investigación”. O concepto de «ida e volta», explican, “trata de exemplificar o percorrido circular da ciencia, como as necesidades e as achegas da cidadanía empurran o avance da ciencia, como os resultados das investigacións científicas poden ser aplicadas á sociedade e mellorar a nosa vida no sentido máis amplo da expresión e como, á súa vez, a cidadanía pode plantexar novos retos, complementar e apoiar aos investigadores/as”. O proxecto comprende a organización de diferentes actividades, como un obradoiro de astronomía, unha feira científica, un concurso de vídeos ou accións co gallo dos días mundiais da saúde ou dos océanos.
Fuente: uvigo.gal (duvi)
No Comments